viernes, noviembre 28, 2008

teresa moure, o natural é politico




TERESA MOURE por TERESA MOURE

Non me gusta mirar para atrás porque non sempre me recoñezo no que foi pasando. Contáronme que nacín cando os astronautas comezaban a explorar a Lúa; de aí véñenme o espírito soñador e as ganas de ir por libre. Toda a miña infancia estivo marcada pola enfermidade que me atou a unha cama e, consecuentemente, obrigoume a ser amante dos libros e dos mimos. Contravindo as decisións habituais na miña tribo para as mulleres do meu tempo, deume por ser nai cedo e, para seguir distinguíndome, por recuncar varias veces no experimento. Meus tres fillos vanme criando como poden, porque son un xardín húmido, con especies imposibles de clasificar que poñen a proba a súa capacidade de xardineiros, domadores de enredadeiras tumultuosas e exterminadores de plagas. Noutras palabras, que son rebelde e desconfiada, gústame escarmentar en cabeza propia e levar o pelo sobre a cara. Eles, os meus tres, que son sabios, van orientando as miñas inseguridades, templando a miña natureza volcánica, axudándome a decidir; vanme, xa o dixen, criando como poden: cravándome titores nos laterais e abonando os meus soños selváticos. As veces tamén lles axudan na tarefa os meus alumnos e as miñas alumnas, outro grupo de seres alucinantes, que teiman en facer de min un ser que ame a linguaxe. Se cadra, xa o amaba antes mais non me decatei ata que @s estudant@s universitari@s se me puxeron diante pedíndome que falase de algo. Nese momento da miña boca abrollaron os adxectivos barrocos e os verbos de acción mais axiña albisquei que as que realmente nos facían gozar eran as preposicións. Gústanme os salseiros que salfiren con pingas prometedoras cando bogo pola ría, os nomes de lugar, o queixo, as árbores, os gatos, a cor verde, o Subcomandante Marcos, os crebacabezas, nadar, as flores das cerdeiras, remexer nas librarías, as películas de Humphrey Bogart, a auga, ter tempo, o viño, os bicos, escachar a rir ata que me doa o ventre, a chuvia, o sol, a Revolución, os ordenadores, a poesía, o jazz, limpar a fondo e ordenar os armarios, as conversacións con respostas picantes e rápidas, os cadros de Magritte, os amorodos, o vento nordés e a utopía. Porén, o que máis me gusta é poñer o mundo patas arriba. Para que os tópicos non boten raíces e nin eu mesma crea que é verdade todo o que digo.
RESEÑA
O natural é político

Un dos tópicos máis arraigados recoñece Galiza como unha paisaxe: un país verde, de dondas montañas e mil ríos, onde a poboación vive da casa labrega ou do oficio mariñeiro, apegada ao territorio e ao seu. Hai varias décadas que ese modelo deixou de existir para ser aceleradamente substituído polo único vixente coa globalización neoliberal. O natural é político, o novo ensaio de Teresa Moure, non é un texto especializado. Un determinado modelo de desenvolvemento económico e os problemas globais do planeta (quecemento, cambio climático, contaminación) desatan unhas páxinas en que alterna o ensaio literario coas narracións, para provocar unha revolta contra o medioambientalismo eslamiado e o consumismo masivo. Velaquí un berro doente a prol da liberación animal, da desobediencia civil que practica segas de cultivos transxénicos, da toma de conciencia; de estarmos, en fin, a vivir un momento crucial na historia da humanidade. A pesar de a literatura ecolóxica ter sona de pesimista, o texto participa do entusiasmo liberador, do compromiso e a militancia, e propón o ecoloxismo como unha estratexia de liberación nacional, un modelo de existencia atento non só aos intereses económicos, senón tamén á conservación da vida, que poña os coñecementos técnicos e científicos ao servizo dos ecosistemas e desenvolva técnicas menos agresivas na liña dun movemento que xa se coñece como ecoloxía profunda.

No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...