sábado, mayo 23, 2020

Carvalho Calero, testemuña de tres xeracións universitarias

Carvalho Calero, testemuña de tres xeracións universitarias – Luzes



Esta é unha entrevista que, en 1988, dous daquela estudantes fixeron a Ricardo Carvalho Calero, que saíu publicada na revista universitaria Volvoreta. Recuperámola aquí como –tal e como indica o seu título– testemuño da visión que del tiñan os estudantes da última xeración que coincidiron con el na Universidade. *
Nun pequeno cuarto da Facultade de Filoloxía fomos dar con un protagonista dos máis relevantes acontecementos socio-políticos e culturais que se produciran na Universidade desde hai mais de medio século: D. Ricardo Carvalho Calero. O que foi primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, xa xubilado aló polo ano 1980, segue asistindo diariamente ao seu despacho, onde recebe a visita de centos de animadores culturais e dos seus antigos alumnos. Coa súa coñecida amabilidade, o profesor Carvalho Calero accedeu a contar algunhas vivencias da vida universitaria, das que participou tanto na súa etapa de estudante como na de profesor.
O mozo ferrolán entrou na Universidade no curso 1926-1927 e cursou as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras. En 1931 licenciou-se na primeira e cinco anos máis tarde na segunda. Sobre a chegada a Santiago, Ricardo comenta-nos como confluíron un grupo de estudantes da que «se deu en chamar a Xeración do Seminario ou Xeración do Halley, formada polos que nacemos aló polo ano 1910: Cunqueiro, Aquilino Iglesia e eu mesmo». O lugar de confluencia non era só a Universidade, senón que «o organismo catalizador do ambiente era o Seminario de Estudos Galegos. Foi aquí onde tivemos os primeiros contactos cos Castelao, Otero Pedrayo e Risco». Cando nos fala destes personaxes o profesor afirma rotundamente que «os que mais me interesaban a min, e tamén a moitos outros, eran Otero Pedrayo e Castelao, porque eran máis artistas, “máis literatos, e ademais tiñan a vantaxe de que eran uns oradores máis brillantes que Risco. Deste sempre estivemos algo mais afastados, nunca tivemos tanta relación con el. todos éramos seguidores da palabra literaria de Otero».
Cunqueiro, Fernández del Riego e Carballo Calero en Santiago de Compostela. Foto Arquivo RAG
Aínda que o Seminario tivo moita importancia como «obradoiro onde se traballaba sobre os problemas da nosa cultura», os estudantes da época desempeñaban un papel social moi destacado, inclusive como activistas políticos e neste sentido Ricardo Carvalho foi un importante dirixente estudantil: «naquela época todos tíñamos que ser políticos. Considerabamos que había unha crise política, unha crise social no país e todos estabamos interesados». Preguntado pola súa opinión a respecto dos estudantes de hoxe e das diferenzas que el encontra en relación aos da súa época, o profesor afirma con diplomacia que «desde a miña xubilación estou afastado dos puntos desde os que se poden ver as formas de vida dos estudantes». De todos xeitos non dúbida en valorar positivamente o maior clima de liberdade existente e fala-nos de que hoxe a mocidade ten mais posibilidades de se manifestar ao non estar coutada por un supersticioso respecto aos mestres. Ao mesmo tempo observa na actualidade algo do que non gusta en demasía: «unha edípica tendencia —entre os estudantes— de dar morte ao pai, que non existía entre nós. Os da miña xeración tíñamos unha profunda veneración polos nosos mestres».
 O profesor universitario
A publicación de varias obras de creación (VieirosO silencio agoniadoA xente da Barreira…) e o seu traballo Historia da Literatura Galega contribuíu a que Carvalho Calero fose requirido para impartir aulas na Universidade. Coma el mesmo nos di: «se non lembro mal, comecei o meu traballo na Universidade no curso 65-66, ano que a rama de Filoloxía Románica daba os seus primeiros licenciados. Entrei en calidade de profesor contratado ou adxunto provisional —non lembro como se chamaba a categoría daquela— para impartir as disciplinas de Lingua e Literatura Galega, no último curso da especialidade de Filoloxía Románica, e a de Lingua e Literatura Medieval, na especialidade de Historia». Preguntado polas diferenzas que viu cando voltou a Universidade responde de xeito rotundo: «os coñecementos en materia de Lingüística tiñan avanzado moito; o nivel era maior tanto nos profesores como nos alumnos». Había ademais outro tema de moita importancia: o feito de a sociedade estar vivindo os derradeiros anos do franquismo. «Efectivamente, aquela época estaba caracterizada pola proximidade presentida da descomposición do réxime franquista»
Foto Moncho Rama. Arquivo do Parlamento de Galicia.

 A normalización da lingua
«Os estudantes galeguistas na miña mocidade coincidíamos porque falabamos en galego, mentres que nos meus anos de profesor os simpatizantes dos partidos estatalistas tamén se expresaban normalmente nesta lingua», comenta o profesor. Hoxe o problema da normalización segue candente, e a respecto disto don Ricardo dinos que «ao lado dunha lexislación menos restritiva no que concirne ao equilibrio co castelán é necesaria unha renovación espiritual que asuma como natural o emprego do galego na Galiza». O profesor di que é preciso «modificar o sistema de relacións galego/castelán, protexendo o primeiro, xa que de outra forma os séculos de marxinación dificilmente poderán ser compensados». Neste proceso debe estar implicada toda a sociedade, mas hai elementos que exercen unha influencia fundamental, como son os medios de comunicación, os cales «sería preciso que traballasen para mentalizar a sociedade de que, sen hostilidade para a lingua do Estado, temos que potenciar a idea de que o galego é a lingua propia de Galiza».
Homenaxe nacional a Carvalho por parte das AACC da Coruña, en 1982.
A crónica dunha xeración: a novela Scórpio
Sempre se fala do profesor, do conferenciante, do lingüista e do crítico literario; e ao mesmo tempo esquecese, ou dáselle pouca importancia á súa extensa obra de creación: O dramaturgo, o romancista e o poeta. Recentemente acaba de publicar unha nova novela: Scórpio. Un romance histórico, «de protagonista individual, no que son personaxes numerosos nomes que desempeñaron importantes papeis da nosa vida colectiva, e no que se analizan os costumes universitarios de antano mesturados con varios aspectos da Guerra Civil. A propósito desta obra preguntámoslle se o protagonista, Scórpio, é un trasunto autobiográfico, tal como afirman varios críticos. O autor respóndenos, con un sorriso: «efectivamente ten moitas cousas miñas, mais se non lembro mal Scórpio morreu durante a guerra civil en Barcelona, e eu estou vivo». Das súas palabras dedúcese, non obstante, que certas experiencias persoais e da época se mesturan nos diferentes personaxes. Plantexamoslle entón se ao escribir esta novela non tería a intención de facer unha especie de homenaxe a unha época: «O que eu me propuxen foi ante todo escribir unha novela. Se o que quería era facer un relato realista, tiña que pór un fondo xeográfico e temporal, Eu non ía facer un relato fantástico. Non eran as aventuras de Merlín. Situeino naquela época e no ámbito da Universidade porque me era coñecido». E, insistindo, é o autor non podería estar reflexado en Salgueiro? «Si, pode ser… mais pensade que todos os personaxes teñen algo meu. Inclusive moitos dos poemas atribuídos a Saxitario son semellantes a obras miñas da xuventude… Cremos nós que este foi un xeito moi sutil de nos insinuar que a resposta a moitas das nosas curiosidades está na lectura deste romance.
Beti Arias (Estudante de 2º de Filosofía)
Bernardo Penabade Rei (Estudante de 3º de Xermánicas)
*A foto da apertura é de Moncho Rama

No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...