jueves, mayo 09, 2013

Eran neve no mar. Un pleonasmo - Henrique Dacosta -

ESTOY LEYENDO ESTE LIBRE, ESTE HERMOSO LIBRO DE POEMAS, “Cando fóramos nevar” , Y NO PUEDO DEJAR DE PONER ESTE TEXTO EN EL QUE SE HACE UNA SUGERENTE RESEÑA, MAS QUE RESEÑA, UN ACERTADO Y DELICADO PROLOGO A DICHO LIBRO. Vicente, hace unos dias nos saludamos, me saludo afectuosamente, y me quede con con la sensación de estar ante un amigo en construcción. Acabare de leer el libro, estara con otros este verano entre mis cosas, anda por ahi Pavese, andan heteronimos sin nombre, una lectura sin prisas, hasta que nos alcance la nieve.

Henrique Dacosta
Eran neve no mar. Un pleonasmo - Henrique Dacosta - Diario de Ferrol


Eran neve no mar. Un pleonasmo

Henrique Dacosta 


Sempre é grato conversar con Vicente Araguas. Persoa vital, torrencial, de prodixiosa memoria, impenitente artista que nunca nos pode deixar indiferentes. Tal foi o que aconteceu o pasado 2 de maio, día que tivemos a honra de lle presentar o seu último poemario, “Cando fóramos nevar”. Alén da delicadeza, sen obxeccións, dos seus versos, é de agradecer o oficio que como declamador exerce, cuxa extraordinaria voz se acompaña do acompasado ritmo con que recita. E é que dicir Vicente Araguas e dicir música é un pleonasmo.
Un nachiño de Xuvia que encetou a boroa artística pola música belixerante dos anos sesenta e pico. E a música, belixerante ou non, ségueo acompañando desde aquela en todo canto fai, poesía ou narrativa principalmente. Fai parte do seu ‘tópoi’, mesmo na breve prosa poética inserida no libro, cando se nos describe unha foto do poeta con seu pai diante dunha hedra, e están a escoitar unha canción de Django Reinhardt. Pero é o ano 1963 cando todo arranca, o ano da fotografía da contraportada do libro e en que o disco de The Beatles, “Sargeant Pepper’s Lonely Hearts Club Band”, está na moda e trae eses xeitos convulsos e un bocado desacougantes que xorden a cada pouco ao longo do poemario.
A neve en Ferrol, nesa insólita nevada do 63, é cortina que embaza o pasado, é saudade e imposíbel regreso a el, que mesmo pode chegar a ser doloroso. A irónica saudade tórnase case testamento vital, un legado ou manda que nos deixa un pouso de inquietude, mesmo melancólica tristeza, pero que non deixa de ser, á fin e ao cabo, a vida que pasou, aquilo que foi ou o que puido ser e non foi: “Souben despois que estaba / moi a piques de non estar. /  A mesma cousa que deixar de estar, / porque cando comezamos a marchar / hai tempo xa que non estamos”.
Diversos graos da saudade, pois, que se acaban por converter en poemas de desamor, e até existencialistas, como ese leve rumor da neve que cae sobre o mar en “Lola & Carmen” para se diluír como elas dúas, ao morreren ben novas. Ou en “Como en tombe la neige”, de novo coa neve a caer, co pasado saudoso que xa non ha de vir pero que pon maneiras adolescentes no poeta, recordando o despertar ao xogo amoroso e os celos por un que se lle parece a Paul McCartney, e ela xa está hoxe morta, e o pillabán, arremedo do beatle, que agora “se cadra será cuspidiño a unha vella inglesa”. Ou, en “Homeward bound”, con esoutra dimensión que indaga no propio existir, a do tránsito vital que converte o río en mar manriqueño, remanso en que finalmente ecoan voces de xentes novas, inconscientes do verdadeiro sentido dos versos, e o espello que só reflicte memorias vagas, e que, xunto co anterior citado, se nos antolla dos máis significativos.
Existe un peculiar ton elexíaco que actúa como verdadeiro fío condutor, e que volve experimentar noutro tipo de composicións, tal acontece en “Cal o pranto de Luis Cernuda”, homenaxe a ese rapaz amigo cuxa sexualidade tena que gañar a por de comprala en corpos de aluguer, non sen evidentes consecuencias en ocasións, “os intres violentos en que apareces mollado en sangue”. Máis épicos que líricos eran tales sucesos, até que o poeta fora capaz de verlle un día as bágoas ante a beleza dun rapaz inalcanzábel, semellante a cando Luis Cernuda daba en chorar por unha camisa que non podía obter co seu minguado soldo de dependente na libraría de León Cuesta.
Trazan o libro, en suma, poemas de longo alento, xunto con outros que son cal sorte de haikus ou aforismos: “Souben como era: / algarabía / e os abruñeiros brancos”. Técnicas, logo, moi distintas, pero efectistas todas elas, en que a forma toma fragmentos musicais de balada, de pop, de bolero ou de chachachá, e letras de Adamo e a “música tropical con feituras de illas con palmeiras e mulatas” do Teatro Argentino, que se xuntan coas de Leonard Cohen e Paul McCartney, algúns mesmo pasando a ser agora ídolos caídos. E co símbolo da neve que é cortina que embaza ese pasado que arranca en 1963, e vaise enchendo de espellos que reflicten a mesma dimensión irrecuperábel, e os abruñeiros cuxa albura fala de inocencia, e tigres cautelosos e lavancos. Temas universais que son contidos neses continentes nomeados en que o territorio da mocidade, ás veces até con certa síndrome de Peter Pan, se deixa ecoar e vemos o río Xuvia morrendo, quen sabe se en mar manriqueño, polo fondal da ría para se diluír no salgado remanso.
Poemas, en fin, que se concatenan, que beben das fontes que o propio poeta ten probado noutros libros seus, tamén de narrativa, como en “Xuvia-Neda”. Poemarios de anos atrás, algúns coa necesidade da reincidencia, como en “Xuvia revisitada”, ou en “Novos poemas para Ana Andrea”, e en “Ás veces en domingo abonda coa tenrura” ou en “O gato branco”. Velaquí, pois, este espléndido e novo móllo de versos, “Cando fóramos nevar”, unha peza máis do fértil e vasto universo poético de Vicente Araguas, un dos máis ricos e suxestivos do panorama lírico actual na Galiza



No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...