FOTO: El Correo Gallego
{ ACTORES DO CAMBIO }
Claudio Rodríguez Fer: “O amor nin se crea nin se destrúe, só se transforma”
Poeta, narrador, ensaísta, profesor de Filoloxía na USC e director da Cátedra José Ángel Valente
por
LUIS POUSA SANTIAGO
Que supuxo para vostede ser nomeado doutor honoris causa da Universidade da Alta Bretaña (Rennes)?
Unha gran ilusión, como a de ser traducido ao bretón, por tratarse dunha universidade na que ensinei, disertei a recitei moitas veces e dun querido país celta que é o máis presente na miña vida e na miña obra despois de Galicia e xunto a Nova York. A próxima antoloxía bilingüe de Libros do Lourerio, titulada Os amores profundos, recolle precisamente, en edición de María Lopo, moitos dos meus poemas escritos en Bretaña.
Percibe, como sinalan algúns, que hai un maior interese da mocidade actual pola poesía?
A mocidade está farta das limitacións e das corrupcións dos poderes e busca a utopía e a pureza da poesía, un dos poucos bastións libres que quedan ante a deshumanización da sociedade e a trivialización da cultura. Reconforta ver que revistas universitarias comoEvohé están ofrecendo ética e estética con compromiso e rigor en monográficos sobre a memoria ou sobre Borges.
A presenza nos medios de comunicación da poesía segue a ser mínima?
Por suposto, máis a poesía é o máis permanente que poderían ofrecer. Por exemplo, bótanse de menos seccións poéticas, mesmo diarias, que chegaron a publicar noutro tempo xornais da Editorial Compostela, nas que se iniciou un poeta logo tan universal como Valente.
Vostede comezou desde moi novo a escribir. Existe a vena poética?
Eu non sei por que comecei a escribir xa sendo neno, mais dende entón non parei.
Trasnscorridos 33 anos dende a publicación de 'Cinepoemas', que escolma de novas películas de culto engadiría a aquela colección?
Precisamente este ano sairá unha ampliación deCinepoemas, en edición gráfica de Cristina Fiño para a editorial Ouvirmos, na que aparecerán filmes posteriores á primeira edición do libro, como Mamasunción, de Chano Piñeiro, ou Paris, Texas, de Wim Wenders, mais tamén se rescatan outros anteriores que eu vin despois, comoManhattan , de Woody Allen, ou Dersu Uzala, de Kurosawa, quizais a miña película preferida.
Na súa obra poética publicada a ilustración é un complemento necesario do discurso poético?
Eu aspiro sempre á obra de arte integral, polo que procuro que o texto estea en harmonía estética e vital co seu soporte, razón pola cal os meus libros foron acompañados a miúdo de ilustracións de Carmen Blanco, Sara Lamas e Eugenio Granell ou de fotografías de Eduardo Ochoa
Como xurdiu a colaboración con Eugenio Granell?
Sempre compartín con Granell a súa paixón surrealista polo amor e pola liberdade, así que, tras facernos moi amigos, publicamos xuntos a obra Rastros de vida e poesía. Postumamente, a Fundación Granell proporcionou inéditos do artista para editar o meu poemario Icebergs no Centro de Arte Moderno de Madrid.
Parece evidente a relación entre a poesía, a música, a pintura, a filosofía..., pero existe algunha relación entre a poesía e a ciencia?
Existen moitas relacións, dende o común afán pola investigación e polo coñecemento á súa funcionalidade humanística, pois, como escribiu Lautréamont, a poesía tamén debe ter por fin a verdade práctica.
A súa produción poética é tamén un tratado de mineraloxía, flora e fauna?
A min encántame a natureza e esta aparece xa nos meus primeiros poemarios en toda a súa diversidade mineral, animal, vexetal e micetal.
O eixo da súa existencia é a paixón amorosa e de aí seu lirismo crítico e paixonal?
No meu primeiro libro aparece a cifra da miña existencia: "Amo ergo sum". Toda a miña obra poética, reunida co título de Amores e clamores, deriva deste principio irredutible. O desamor e o descompromiso non me interesan, nin polo visto eu a eles.
Que lle di o verso de Quevedo, "polvo serás, mas polvo enamorado"?
A transcendencia é algo que se pode experimentar a través do amor e da poesía, pois ao dicir de Bretón, "nós queremos, e teremos, o máis alá en vida". Somos polvo de permiso, así que o amor é como a enerxía, que nin se crea nin se destrúe, soamente se transforma, e eu aspiro a seguir amando igual de particularmente cando non sexa máis que un conxunto de partículas. Como escribiu a poeta Olga Novo, máxima analista da miña poesía, "a morte non existe".
Vostede ten contado que nas súas últimas semanas de vida, José Ángel Valente ríase da súa propia morte. Era unha maneira de transcendela?
O humor negro pode ser liberador cando constantemente morre xente que nunca morrera. Valente, de quen fun grande amigo, demostrou que se pode afrontar a morte con naturalidade, humor e ansia de coñecemento, pois, como recollín no poema Nostalxia de nós, cando tiña accesos de dor consolábase pensando no que aínda podía aprender dela.
En que medida Ánxel Fole e Luis Pimentel influíron directa ou indirectamente na súa vocación poética?
A miña vocación poética xurdiu antes de coñecelos, mais Pimentel e Fole, sobre quen escribín moito, foron para min os referentes lugueses da cultura libre e do humanismo solidario, á parte de que con Fole desenvolvín moi cedo a grande amizade que poeticei no poema Un vello e un rapaz.
Hai memoria sen recordos?
O ser humano desenvolveu dende a Antigüidade unha memoria utópica do Ben, da Verdade e da Beleza da que non hai recordos reais, pero que é necesario imaxinar para avanzar a de suprimir os recordos dos seus crimes, mais nunca lograron que se esquecese a memoria da infamia. Pola memoria utópica do Ben e contra a desmemoria manipuladora do Mal, ensino, escribo, loito, vivo e amo cada día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario