Acceso ao artigo completo premendo na imaxe.
SANTIAGO / LA VOZ
«Na economía local de Santiago a actividade cultural ten un peso determinante, moito máis que en calquera outra cidade galega», sintetiza Marcos Lorenzo, coordinador do posgrao de Xestión Cultural da USC. O ano pasado presentou o Informe anual da cultura en Santiago de Compostela 2018. Elaborou ese traballo con Sergio Lago, Ruth Sousa, Xaquín Loredo e Roberto García. Na actualización da información verificaron que no 2019 funcionaron 494 empresas culturais na cidade: «Utilizamos os criterios da Clasificación Nacional de Actividades Económicas. Entre todas empregaban a 2.307 persoas afiliadas á Seguridade Social, un dato que evidencia como Santiago é a cidade galega con máis emprego en actividades da cultura», afirma.
«A maioría dese colectivo, 1.022 persoas, exerce en actividades de programación e emisión da televisión, que é o maioritario con moita diferenza. Na continuación están as actividades de creación artística e espectáculos, con 313 afiliacións; as artes gráficas, 244; os servizos de información, que están a medrar moito nos últimos anos, con 240; e despois a edición, que atravesa unha crise evidente, con 223 empregos», acrecenta Marcos.
O grupo maioritario de empresas, por subsectores, é o de actividades de creación artística e espectáculos: «Constan 216, aínda que moitas delas son unipersoais. Despois están as empresas de artes gráficas e reprodución de soportes gravados, das que había 89; 70 máis de edición; 56 de actividades cinematográficas, de vídeo e de programas de televisión, gravación de son e edición musical; 32 bibliotecas, arquivos, museos e outras actividades culturais; 20 de servizos de información; e só 11 de actividades de programación e emisión de radio e televisión. Porén, estas 11 empregan a moita xente e teñen unha media de 93 persoas por empresa, e en contraste, nas de actividades de creación artística e espectáculos a media de empregados por empresa é 1,4», esclarece este estudoso.
O seu traballo conclúe que o PIB cultural é tamén moi elevado en Compostela. «Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, o PIB comarcal do sector cultural é aquí do 5,2 %. Na continuación están as comarcas do Eume, co 3,9 %; Pontevedra e A Coruña, co 3,1 e 2,9 %; Tabeirós-Terra de Montes, o 2,6 %; Lugo, o 2,5 %; e se temos en conta o conxunto da comunidade galega, a cultura achega o 2 % do PIB».
Nunha valoración da traxectoria do sector cultural nas últimas décadas, Lorenzo verificou «un primeiro período que atinxiu as cotas máximas nos anos 2009, con 467 empresas, e no 2010, con 447 empresas; eses anos coincidiron no tempo co último Xacobeo, cando todas as Administracións invisten máis en cultura. Iso é moi importante, porque nesta relación o volume de empresas e emprego garda moita relación con diñeiro público investido. Despois viñeron un anos á baixa, e observamos unha recuperación desde o 2017, co máximo de empresas e emprego no ano pasado», afirma Lorenzo.
Estudaron tamén as debilidades e fortalezas, e defenden que falta coordinación e que se nota a ausencia «dun espazo de diálogo e intercambio de información, e que permitise aproveitar mellor potenciais sinerxías entre entidades e institucións, que moitas veces se solapan, traballando con orientación para un público semellante».
Marcos Lorenzo insiste no «acerto do Concello de Santiago ao encomendar este estudo da cultura no ano 2018, que confiamos que terá continuidade, para elaborar políticas culturais serias a partir dun diagnóstico e tendo datos e indicadores actuais. Xunto con outro estudo, do Concello de Barcelona, seguramente esta iniciativa de Santiago sexa a máis ambiciosa e positiva de España».
No hay comentarios:
Publicar un comentario