miércoles, marzo 26, 2014

Poeta Díaz Castro | ...a beleza feríume para sempre.

Poeta Díaz Castro | ...a beleza feríume para sempre.



No 1961 Galaxia publica o seu único libro: Nimbos. O termo Nimbos  explícao todo: “é o nimbo dos santos, a aureola que rodea a cabeza dos santos, unha aureola de gloria. E coma unha aureola que lles poñemos ás cousas para facelas resaltar máis… Algún crítico dixo que era un home con moito respecto ás cousas, un respecto ás criaturas de Deus non acariñadas. Esas son as que busca o poeta para elevalas a unha categoría, e por iso envólveas nun nimbo de luz, para darlles gloria”..                                
Pero a pesares de ser poemas de varias épocas, agora editados con modificacións léxicas, morfolóxicas ou ortográficas, toda unha liña ben ensamblada percorre o libro, a unidade do seu vivir, como escribiu Don Ramón Otero Pedrayo: “A pura unidade do libro solo pode ser reflexo da unidade dun vivire”.     
O libro foi moi ben recibido e escritores coma Otero Pedrayo, Anxel Fole, Cunqueiro, Xosé María Álvarez Blázquez adicáronlle artigos.  
Non fixo máis que rescatar a realidade da inercia e a escuridade para alumeala coa palabra axeitada, esa palabra tantas veces embrutecida e machucada por moitos manipuladores e á que quixo darlle a súa forza máxica que endexamais debeu perder:                
“Si é que o poema é só un nimbo de lus
que os ollos cegos póñenlles ás cousas
soñadas, ou amadas nas teebras”.
Esta primeira estrofa da segunda composición: “Nimbos” define o poema coma un “nimbo de lus”.

O seu autor explicaría anos máis tarde o seu sentido da poesía: “Creo que a poesía é unha actividade puramente artística, que constitúe a forma máis perfecta de expresión dos seres humanos e as súas relacións. Isto implica sempre beleza e emoción estética: estes dous conceptos son esenciais. Poido afirmar que a poesía marcou a miña vida como forma máis viva e fermosa de expresión, como afición entusiasta, e –se me é lícito dicilo- como vocación, ler poesía é para min un gozo insuperable…  Hai moitos xéneros de poesía, pero penso que a poesía lírica, digamos, non é tal se non ten algo de transcendencia, é dicir, pensamento filosófico. Un concepto do mundo e do drama do destino humán… Penso que a miña poesía, preferiblemente simbólica sempre, fai referencia, directa ou indirectamente, ó home como ser caracteristicamente dramático; o home é o ser máis meu que ningunha outra realidade”.          
“Díaz Castro é un extraordinario poeta, e que dende agora está chamado a figurar na lírica galega con todos os dereitos que lle dá a súa peculiarísima voz, escribiu Ramón Lugrís en La Noche… Pódese ver que Díaz Castro non é voz de coro. É un solista. En todo: na interpretación das cousas e mesmo na forma da interpretación. O seu xeito de facer poemas non está á moda vangardista, nin tampouco é un calco académico... Castro é un poeta humán; i—é tan difícil atopar a voz dun home… Díaz Castro coida que é dabondo falar con voz de home”.
                                              
Un dos grandes estudosos de Nimbos foi Xosé Luís Franco Grande que anotou en Grial: "Toda a poesía de Díaz Castro está nimbada por unha serena e fonda paixón telúrica: a terra é nela un elemento constante, sempre presente, xa sexa directamente expresado ou, na maioría dos casos, sinxelamente insinuado. Non é un poeta descritivo, como outros poetas lugueses (Noriega, Iglesia Alvariño, Crecente Vega, Novoneira), senón un poeta que xurde de unha terra que nel se volve un mito, un elemento de continua referencia e celme permanente da súa poesía… Díaz Castro, sen botar man de tales elementos, ou de elementos específicos e concretos, transparenta nos seus poemas unha terra inconfundible, singular e concreta, e neles atopamos sempre un país como transfondo, máis alá de cada palabra. Reparemos en poemas tan orixinais como "Vísperas", "Penélope"  ou "Terra achaiada": os elementos, o ouxeto do poema, non poden ser máis elementales, pero cada poema é un mito, unha obra de creación en si mesma, unha poderosa síntesis... Cada poema encerra e contén unha solprendente densidade poética onde cada palabra é insustituible (como ocurre en toda lírica verdadeira)".

O único libro edito de Díaz Castro, no mediodía do seu traxecto biolóxico, é  froito do seu afán por ascender continuamente na construción poética, pero sempre recoñecendo a súa humildade franciscana: “Sempre souben que ninguén é perfecto; sempre tentéi de facer as cousas ben. Si, sempre aspirei a perfección da expresión, da lingua e dos coñecementos. Nise senso fun e son perfeccionista: é dicir, sempre tentei de esixirme a min mesmo un esforzo cara á perfeición posible; pero nunca esixir iso ós demáis. Pretendín e pretendo acercarme á perfeición, pero non que os demais sexan perfectos en nada. Esta aspiración nace de considerar a poesía –a visión e a expresión poética do mundo- como unha das máis outas e fermosas tarefas da creación humana” (El Ideal Gallego, 2 de marzo de 1988).
                                    
"Penélope" é o poema máis editado e traducido de Díaz Castro no que denuncia a pasividade que hai no país, o que axudou a remover moitas conciencias contra todo tipo de aldraxe, nun tempo no que a poesía máis cá teoría sociopolítica chegaba con máis facilidade e menos atrancos represores aos cidadáns sensibilizados, e mesmo acadaba a crear unha reación contra todo tipo de opresión, así a poesía de Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Novoneyra...

"Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envolveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día                   
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!"

No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...